Wednesday 08 de May de 2024

Feijóo avanza a posta en funcionamento no primeiro semestre deste ano do novo bloque cirúrxico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña


Engade o compromiso de impulsar a seguinte fase de mellora do hospital público, comezando pola reforma do hospital de día

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras unha reunión co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a posta en funcionamento no primeiro semestre deste ano do novo bloque cirúrxico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, ao que engadiu o compromiso de impulsar a seguinte fase de mellora do hospital público, comezando pola reforma do hospital de día.

Así mesmo, anunciou a construción dun novo centro de saúde na zona de Juan Flórez-Federico Tapia; un centro que cualificou de “prioritario” para a Xunta e para o que neste momento a Administración autonómica xa está avaliando a súa construción no novo emprazamento proposto polo Concello.

Logo de recoñecer que os temas sanitarios, sociais e educativos ocuparon boa parte da reunión como asuntos prioritarios, Feijóo asegurou que o Goberno galego seguirá traballando nestas áreas. Ao respecto lembrou que se ben na pasada lexislatura se conseguiu incrementar nun 140% o servizo de axuda ao fogar, se puxeron en funcionamento catro escolas infantís na área metropolitana e dous centros de día, o obxectivo é facer unha nova residencia da terceira idade no municipio. “E a tal efecto –precisou-, nas próximas semanas remitiremos ao Concello o plan director para dispor dun terreo axeitado e así poder levar a cabo este equipamento social nesta lexislatura”, abundou.
No ámbito da educación pública, o responsable autonómico garantiu o compromiso de impulsar o novo CEIP de Novo Mesoiro, cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros, así como o inicio da rehabilitación integral do CEIP Ramón de la Sagra. Obras que se sumarán ás levadas a cabo na pasada lexislatura, como a mellora do CEIP Emilia Pardo Bazán e as ampliacións do CEIP Zalaeta e do CEIP Manuel Murguía.

Estación intermodal, transporte metropolitano e saneamento da ría
En materia de mobilidade, Feijóo trasladou ao alcalde a intención da Xunta de empezar a estación intermodal da Coruña este ano e valorou a disposición do Concello para facer os accesos, aínda que expuxo a necesidade de chegar a un acordo entre Adif, Concello e Xunta no que se refire á xestión do aparcadoiro.

“E tamén trasladei ao alcalde a importancia de rematar a conexión da Vía Ártabra coa AP-9”, dixo, necesaria para conformar unha área que transcenda os concellos; así como o interese do Executivo autonómico de mellorar os accesos ao polígono de Sabón.

Durante a súa intervención, Feijóo recoñeceu o funcionamento exemplar do transporte metropolitano da Coruña e avogou por dar un paso máis aló dos descontos, de tal xeito que os cidadáns poidan desprazarse sen necesidade de ter que facer transbordos.

En relación á posibilidade da constitución dunha área metropolitana, o presidente da Xunta de Galicia expuxo durante a xuntanza varias consideracións, entre as que destacou, o consenso necesario dos concellos que a conforman para constituíla e a entrada en funcionamento dun transporte metropolitano sen transbordos. Así mesmo, avanzou a disposición da Xunta de solicitar á Universidade da Coruña a elaboración dun plan estratéxico dunha futura área metropolitana.

Sobre o novo edificio xudicial da Fábrica de Tabacos, Feijóo afirmou que no mes de maio 200 traballadores da Administración da Xustiza estarán traballando nun novo edificio que contará con 18.000 metros cadrados e no que se levan investidos máis de 18 millóns de euros.

O presidente da Xunta transmitiu tamén o obxectivo de culminar o saneamento da ría do Burgo, co desbloqueo neste ano de dúas actuacións hidráulicas: o tanque de tormenta en Santa Cruz e a optimización dos bombeos do Temple e A Pasaxe. E, en materia de rehabilitación referiuse ao proxecto de rehabilitación no barrio do Orzán e á continuación do proceso de urbanización do Parque Ofimático coa construción de 40 vivendas.

Por último, e sobre a posible utilización dos terreos conveniados entre o porto da Coruña e o Concello, o responsable do Executivo galego expresou a necesidade de coñecer primeiro o proxecto do Concello e poder así posicionarse ao respecto.